Friday 17 de May de 2024

O BNG pide cumprir o acordo sobre o trazado alternativo da circunvalación antes de expropiar os terreos


Trala publicación no Diario Oficial de Galiza da resolución da aprobación do proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da circunvalación de Ribeira, o BNG demanda o cumprimento dos acordos plenarios acadados antes de que se expropien os terreos.

O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, recrimina a estratexia do Partido Popular de seguir adiante co proxecto decidido unilateralmente polo alcalde e o goberno galego a pesar existiren acordos plenarios para estudar un trazado alternativo. Barral acusa ao alcalde ribeirense de pospoñer a realización do estudo comparativo para darlle marxe á Xunta a aprobar o trazado actual. Pérez Barral lembra que Ruiz está incumprindo varios acordos ao excluír, deliberadamente, o trazado proposto polo BNG para facer a circunvalación mellorando a estrada que vai de Xarás a Frións. “O alcalde non ten interese en buscar o consenso e por iso o seu partido, tanto no Concello como na Xunta, mostran unha falta de talante diante dunha actuación que prexudica á veciñanza e compromete o futuro de Ribeira nas próximas décadas”.

Desde o BNG denuncian que os Populares están axilizando os trámites de expropiación de terreos para iniciar as obras antes de ter os informes técnicos que avalíen o trazado alternativo apoiado pola veciñanza e todos os grupos da Corporación Municipal agás o PP.

A alternativa: facer a circunvalación pola estrada de Frións-Xarás

Pérez Barral esixe que o alcalde ribeirense deixe de defender en exclusiva os intereses do seu partido e cumpra cos mandatos plenarios. Ten a obriga de facer ese estudo independente no que se valore a proposta do BNG de reformar a estrada de Frións-Xarás para convertela na circunvalación que Ribeira precisa. Os argumentos para defender esta alternativa son sólidos por implicar un menor impacto ambiental ao non ter que facer grandes movementos de terra, tería menor impacto social ao non afectar núcleos habitados e sería máis económica por ter só que mellorar o trazado existente mediante o suavizado de curvas e a construción de carrís de subida e baixada adicionais. Esta proposta, de facer a circunvalación por Frións, alén de beneficiar a barrios tan poboados como Fafián, Coveliño, As Avesadas e o centro urbano de Ribeira, daríalle servizo á poboación e negocios de Carreira e Aguiño. Ademais do anterior, as persoas que baixan de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao centro de Ribeira poderían escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Avesadas coa conseguinte redución do tráfico rodado no centro urbano.

Desde o BNG non imos rendernos desta reivindicación pois cremos que o proxecto de realizar a circunvalación por Frións é máis económica, non afecta á poboación e afecta menos ao medio natural. Seguiremos traballando para que non se impoña un proxecto feito polo PP de maneira unilateral e sen consenso.